Últimas Novas

Renovada a pista do polideportivo da Tomada

Renovada a pista do polideportivo da Tomada

14 Xaneiro, 2022

Coa finalidade de mellora-las instalacións deportivas municipais para ofrecerlles aos usuarios e usuarias unhas mellores condicións para o desenvolvemento da súa actividade, nos pasados días rematou unha intervención focalizada no polideportivo da Tomada e que consistiu na aplicación de resina en toda a pista co seu posterior repintado segundo explicaron o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra).

Máis polo miúdo, efectuouse a limpeza e desengraxado da superficie obxecto da actuación; repaso de tódalas gretas; aplicación dunha primeira man de imprimación para soportes non porosos; acabado con pintura especial para canchas; e marcaxe de tódalas franxas dos diferentes campos. As tarefas foron executadas por Gilberto Pinturas e o investimento ascendeu a 18.150 euros, IVE incluído.

Dáselle así continuidade aos labores de mantemento no recinto coma os que comprenderon o pintado interior e traballos de impermeabilización.

Fixeron fincapé nas diversas obras que se realizan no pavillón, as cales proseguirán cunha intervención xeral para intentar elimina-las infiltracións na cuberta, despois de que xa se executasen previamente outras actuacións puntuais.