Últimas Novas

27 Xuño, 2016

A Concellaría dos Servizos Sociais desenvolve os seguintes programas:

1. Servizo de Información, Valoración e Orientación (SIVO)

É a porta de entrada ós servizos sociais. Ten por obxectivo informar, orientar e asesora-la poboación sobre os dereitos e recursos sociais existentes que poidan dar resposta ás problemáticas individuais, familiares e de grupos específicos que se presenten.

2. Servizo de Axuda no Fogar

Instrumento que permite a prestación dunha serie de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a autonomía persoal.

Os obxectivos do servizo básico de axuda no fogar van dirixidos a mellora-la calidade de vida das persoas usuarias posibilitando a permanencia nos seus domicilios e potenciando a súa autonomía persoal; ademais supoñen unha axuda para a mellora das relacións familiares e sociais, a prevención de situacións de exclusión social e o atraso da institucionalización.

3. Programa de Educación Familiar

Dirixido a familias en situación de vulnerabilidade. A súa finalidade é proporcionar ás persoas usuarias os vínculos necesarios para acada-la súa autonomía e participación activa na comunidade.

O programa baséase nunha intervención socioeducativa individualizada e de carácter integral, que promove procesos orientados ó desenvolvemento persoal dos membros das unidades familiares e á prevención da súa deterioración e dos factores de risco de desestruturación familiar e marxinación social.

4. Programa de Prevención e Inclusión Social

Orientado a mellora-la autonomía persoal e acada-la independencia económica en persoas en risco de exclusión social. Inclúe: persoas con toxicomanía, integración social (Risga, AIS), tarxetas de estacionamento e accesibilidade para persoas con dificultade de movemento, axudas para a escolarización, programa de envellecemento activo e programas de fomento, promoción e cooperación social.

5. Programa de Fomento, Promoción e Cooperación Social

5.1. Programa Vacacións en Paz

Baseado nun convenio asinado entre o Concello da Pobra do Caramiñal e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, promove o acollemento temporal de menores saharauís por parte de familias do municipio, co fin de lles propiciaren unha estancia agradábel e humanamente rica a estes nenos e nenas durante os meses de verán.

– Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: Dende 1999 participa o Concello da Pobra do Caramiñal co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha asociación de carácter municipalista que, ante a realidade dun mundo dividido en sociedades ricas e empobrecidas, e ante as consecuentes desigualdades para máis do 80% dos seres humanos, busca a adopción de actitudes e accións coherentes para contribuír á construción dun mundo máis xusto e solidario.

– Aloxamento Alternativo: Dirixido a persoas que por diversos motivos e problemáticas teñen que ser acollidas ou aloxadas en centros.

 

O cadro de persoal adscrito ós Servizos Sociais Comunitarios Básicos está conformado por: dúas traballadoras sociais, unha educadora familiar e unha auxiliar administrativa.

 

Os servizos sociais comunitarios básicos están a ser financiados a través da Deputación da Coruña e da Xunta.

 

Correo electrónico: servizos.sociais@apobra.gal