Últimas Novas

TRAIL DE SANTO ISIDRO DE 19 DE FEBREIRO

TRAIL DE SANTO ISIDRO DE 19 DE FEBREIRO

17 Febreiro, 2017 0 comments

Segunda edición desta carreira de campo a través que se vai realizar na parroquia de Santo Isidro de Posmarcos, na Pobra do Caramiñal, no vindeiro domingo 19 de febreiro ás 11:00 h e para a cal se espera unha boa acollida tanto de participantes coma de persoas afeccionadas ós deportes de montaña.

Incluída dentro do Circuíto de Carreiras de Montaña Arousa-Revolution Trail Series 2017, o Trail de Santo Isidro tamén é a segunda das citas puntuábeis para a clasificación final deste circuíto que despois da primeira proba comanda o campión da edición de 2016, Lois Rodríguez “Pachita”, xunto con Héctor Lorenzo no segundo posto e Ramón Picos no terceiro posto. A falta dunha semana para o peche das inscricións deste trail, ata agora os tres tamén figuran como favoritos para facerse coa vitoria, aínda que Ramón Picos, veciño de Posmarcos, parte con certa vantaxe por coñece-lo percorrido de primeira man.

O percorrido elaborado pola organización trata de reunir non só as condicións de distancia e técnicas necesarias para facer da carreira unha proba competitiva e adaptada a tódalas condicións das persoas participantes, senón que tamén trata de divulga-lo inmenso patrimonio natural da zona encaixada entre montañas e gargantas que desbordan en ríos e regatos de variado caudal e que as persoas corredoras terán que sortear en varias ocasións.

Queremos destacar que as persoas participantes poderán desfrutar das vistas do río das Pedras, evitarán o regato do Salgueiro e cruzarán o Lérez pola ponte das Taras (todo un exemplo de arquitectura popular de finais do século XIX). A nivel técnico a carreira ten unha primeira metade de dificultade elevada, onde  se salvan os case 700 metros de desnivel positivo acumulado cos que conta todo o percorrido ata chegar ó cumio do Salgueiro e, logo, unha segunda metade da proba na cal se pode correr comodamente e desfrutar de sendas por bosques e antigos camiños recuperados ata chegar a Posmarcos. Dende a organización considérase que a carreira determinará o campión/campioa nesta segunda metade do percorrido, xa que na primeira o abrupto do terreo e as características técnicas non permitirán abrir grandes diferenzas entre eles.

Queremos agradece-la colaboración e implicación da veciñanza de Santo Isidro, en especial da Comunidade de Montes de Posmarcos e a AA.VV. de Carreira e Senda XXI, que, coma sempre, estarán en cada cruzamento e ó longo do camiño dando apoio e indicacións ás persoas participantes.

 

trail sanisidro 190217

No Comments so far

Jump into a conversation

No Comments Yet!

You can be the one to start a conversation.

Your data will be safe!Your e-mail address will not be published. Also other data will not be shared with third person.