Últimas Novas

Un escaparate conxunto para o comercio local da Pobra

Un escaparate conxunto para o comercio local da Pobra

A Concellaría da Dinamización Económica engadiu a semana pasada dous postos á feira que se desenvolve nos xardíns Valle-Inclán desde o mes de xullo. A finalidade desta última acción radica en amosar os produtos que ofrecen os establecementos pobrenses e contribuír así á dinamización da súa actividade comercial.

Unha das casetas acubilla unha tenda de recordos, mentres que a outra serve de escaparate a negocios pobrenses e, no transcurso dos días, irase renovando con novos artigos. Actualmente o espazo alberga Mi Barquito de Papel, Mandarina, Lusco e Fusco, Amore, Picariños, Sportmoda e Jéssica Fernández Centro de Imagen.

O resto de casetas venden xogos de enxeño, artesanía india, marroquinaría, produtos garrapiñados, complementos en aceiro, fundas para o móbil de madeira, prata da India e Tailandia, artesanía do coiro, minerais articulados e bolsos de cortiza. A cuarta edición desta feira permanecerá aberta ata o 31 de agosto.