Últimas Novas

Un total de 125 persoas autónomas e empresas da Pobra beneficiaranse do PEL-Reactiva

Un total de 125 persoas autónomas e empresas da Pobra beneficiaranse do PEL-Reactiva

5 Febreiro, 2021

O Concello da Pobra do Caramiñal publica a resolución provisional das axudas do PEL-Reactiva, impulsado pola Deputación da Coruña e ó cal se atopa adscrita a Administración local. No total, serán 125 as persoas autónomas e empresas que se beneficiarán destas achegas, das 143 que as requiriron. Tal e como expuxo a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), esa diferenza “ten que ver con que o resto non cumpría cos requisitos e algunha que quedou fóra de prazo.” O importe total ascende a 237 500 euros, con 126 129’36 euros procedentes da institución provincial e 111 370’61 euros do Concello, polo cal a edil destacou que “ninguén quedou fóra por falta de recursos.”

A súa homóloga das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), agradeceu esta proposta da Deputación, pois indicou que “son unhas axudas moi xustas e, de feito, no noso concello así se demostrou ó entrar practicamente toda a xente que se presentou a elas.” Do mesmo xeito, subliñou a achega municipal, a cal “foi superior ó que se nos pedía e tamén grazas a iso puideron optar moitas máis persoas autónomas a estas axudas.”

Esta medida focalizada no eido económico laboral está dirixida, por orde preferente, a tres tipos de empresas: no grupo 1 enmárcanse aquelas que pecharon durante o confinamento de forma obrigatoria seguindo o Real decreto 463/2020 (con 109 beneficiarias e unha contía de 204 500 euros); ó grupo 2 adscríbense aquelas cuxa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vise reducida, polo menos, nun 75% (con 5 concesións por unha contía de 7 500 euros); e no grupo 3 atópanse as sometidas a ERTE (con 11 receptoras por un orzamento de 25 500 euros).

A contía vai dende os 1500 euros por unha empresa que non teña ningunha persoa empregada ata 3000 euros para aquelas cuxo cadro de persoal se compón de entre 6 e 9. Ademais, o período subvencionable abarca dende 1 de marzo ata 31 de decembro de 2020.

As ditas subvencións xustifícanse coa compra de material antiséptico ou desinfectante, produtos hixiénicos e de limpeza; arrendamentos e canons; reparación e conservación; primas e seguros; e subministracións.

As solicitudes presentadas foron puntuadas seguindo as bases reguladoras de acordo cuns criterios de valoración nos cales figuran o tipo de empresa, a súa forma xurídica, o número de mulleres contratadas, o número de persoas discapacitadas contratadas, o número de menores de 30 anos contratados/as e o emprego da lingua galega.

A listaxe provisional atópase publicada no taboleiro de anuncios físico e dixital do Concello. Así mesmo, o prazo para a presentación de alegacións será de dez días hábiles que se contarán dende o día seguinte ó da publicación desta resolución no Boletín Oficial da Provincia (BOP) que, previsiblemente, será no 22 de febreiro. Transcorrido o dito prazo, e á vista das alegacións presentadas, de se-lo caso, ditarase a resolución de concesión definitiva e, a partir de aí, as persoas beneficiarias disporán dun mes para achega-la documentación xustificativa.

A concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), fixo fincapé en que para o goberno municipal “é importantísimo e unha prioridade participar na reactivación económica dos distintos sectores que forman a economía do noso concello”, que se artella de distintas maneiras. Neste senso, anunciou que, tanto dende o Departamento do Desenvolvemento Local coma dende o da Promoción Económica, están desenvolvéndose unha serie de proxectos que se van presentar ó longo de todo ano co obxectivo de contribuír á dinamización.

Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), manifestou que se analizará o porqué das empresas que quedaron fóra do PEL-Reactiva, polo cal se estudará unha segunda liña de achegas, ademais doutra específica para o sector da hostalaría.