Últimas Novas

Visitas a Sálvora e Ons con saída dende A Pobra

Visitas a Sálvora e Ons con saída dende A Pobra

O Concello da Pobra do Caramiñal e a empresa Piratas de Nabia colaboran por terceiro ano consecutivo ofrecendo visitas guiadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Así, a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), comunica que neste mes de xuño son dúas as saídas programadas dende a zona do porto deportivo.

No sábado 12, ás 19.00 horas, terá lugar a visita á illa de Sálvora, na coñecida como ruta Starlight, cun prezo estipulado de 25 euros para as persoas adultas e de 16 euros para nenos e nenas ata 12 anos.

Por outra banda, no domingo 27, a partir das 09.30 horas, será a ocasión de coñecer Ons. As persoas adultas deberán aboar 22 euros, mentres que o importe será de 13 euros para a rapazada ata 12 anos.

As prazas son limitadas e as reservas débense formalizar no teléfono de contacto 986320048 ou na páxina web www.piratasdenabia.com. Máis información en www.apobra.gal/turismo, no 671090262 ou 687482835.