Últimas Novas

XX EDICIÓN DAS XORNADAS DE HOMENAXE A VALLE-INCLÁN 2018

XX EDICIÓN DAS XORNADAS DE HOMENAXE A VALLE-INCLÁN 2018

As Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán son promovidas polo Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal; xornadas que son posibles con patrocinios, os da Secretaría Xeral de Cultura (da Xunta) e do Concello da Pobra do Caramiñal, e sumando importantes colaboracións: as de entidades académicas, colectivos e asociacións do ámbito cultural, que son referentes locais, comarcais e galegos.

 

Trátase, como sen dúbida sabe, dunha iniciativa para a dinamización e a promoción da cultura. E, así, a oferta que propoñemos inclúe unha sorte de actividades arredor do diálogo entre as artes e as letras, fomentando o coñecemento sobre o xenio e a figura valleinclanescos e a Galiza. Uns actos que son de balde e de acceso libre, ata completar aforo e en xeral orientados a tódolos públicos, inda que algúns tamén exclusivamente pensados para escolares.

Indiquemos que o deseño do cartel desta vixésima edición é creación de Martinho Picallo, obra onde se alude á condición de  arousán polos catro costados de don Ramón del Valle-Inclán, quen se representa transformado no tritón mariño que campa dentro dun gran medallón renacentista na Torre de Bermúdez, no Caramiñal, acompañado dunha daquelas dornas con ollos de guía, segundo a tradición clásica perdida no século XX, barca que suca as augas da ría e das poboacións das dúas bandas, presentes a través dunha réplica da cartografía de Fontán. De aí, por exemplo, a presenza da serea, a carón da illa de Sálvora, ou do hipocampo que sostén un pendón cos brasóns do antigo reino de Galiza, unindo as bandas de Vilanova (Salnés) e do Caramiñal (Barbanza).

 

O programa de actos de 2018 inclúe en especial:

 

  • Exposición de ilustracións, obras creadas polo artista barbancés Domingo Regueira
  • Degustación de delicatessen literarias, produtos de gastronomía valleinclanesca
  • Visita guiada: “Santiago de Compostela, rosa mística de pedra”
  • Conferencia arredor dos pazos galegos por Juan Manuel Monterroso, profesor titular da USC
  • Presentación de Cuadrante (números de 2018), revista de estudos valleinclanescos e arousáns
  • Recital multidisciplinar de poesía, música e imaxe, polo grupo Ouriol (coa voz de Eva Veiga)
  • Escena, con “Galicia e Valle-Inclán”, de Castelao e ficcións galegas de Valle-Inclán,  polo Teatro Airiños de Rianxo (dir. Esther Carrodeguas)
  • Visita guiada: “A Pobra do Caramiñal, ruta biográfica e literaria de Valle-Inclán”.
  • Teatro escolar, con A marquesa Rosalinda. Farsa sentimental e grotesca, de Valle-Inclán, por Títeres Cachirulo (dir. Jorge Rey). Por primeira vez representada en galego
  • Presentación de importantes manuscritos inéditos do literato, por Xaquín del Valle-Inclán Alsina
  • Concerto de música de autor, “Cantares galegos”, por Manoele de Felisa
  • Ofrenda cívica ante o monumento a D. Ramón no Cantón da Leña, seguida de pasarrúas pola vila
  • Espectáculo de teatro, música e audiovisual, “Homenaxe popular a Valle-Inclán”, coa participación de Bradomín Teatro, Aula de gaita e percusión tradicional A Gandaina, Escola de baile e pandeireta Caramiñas da Asoc. Amas de Casa, Lumieira e Tanxedoira, Cris Román e Barahunda.

 

Como acaba de comprobar, apostamos pola democratización do saber a través do potencial de materias transversais como son a cultura, a educación, o turismo, a formación cívica e o lecer sociocomunitario. Interésanos fomenta-la vitalidade na localidade e a súa contorna de influencia, sendo así que, sumados 20 anos desta convocatoria anual, xa todo un referente para o outono cultural nas Terras da Arousa e temporalmente nas de Compostela, convidámolo/a a participar activamente e asistir como público.