Paisaxe e patrimonio centran a oferta turística da Pobra para a Semana Santa
A Semana Santa vivirase na Pobra do Caramiñal con numerosos actos litúrxicos nunha das épocas de maior afluencia turística do ano, antesala do verán. Coa finalidade de potencia-los recursos do municipio, a Administración local configura unha axenda de actividades co patrimonio e a paisaxe como grandes protagonistas segundo desvelan o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra); e as técnicas municipais desta área, Sara Sánchez e Ángeles Tubío.
Un ano máis regresa A nosa feira: un total de 14 postos instalaranse nos Xardíns de Valle-Inclán dende 31 de marzo deica 10 de abril.
A oportunidade de coñecer de primeira man o proceso extractivo dos bivalvos chega no 5 de abril. Consistirá nun obradoiro de marisqueo na praia dos Areos con saída da Casa Mariñeira, ás 12.45 horas. Requírese a inscrición previa. O importe establécese nos 12 euros, agás para menores de 10 anos, que será de balde.
No día 6, Xoves Santo, toca calzar un zapato cómodo para emprende-la ruta xacobea guiada polo Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe ó seu paso pola Pobra. O tramo consta de 8 quilómetros e a dificultade é baixa. Establécese como punto de encontro o aparcadoiro situado diante da praza de abastos, ás 09.00 horas. A matrícula ten un custo de 9 euros.
As propostas desprázanse no día 7, Venres Santo, á contorna do río das Pedras en forma de ruta de 3 quilómetros, de dificultade media. O traslado efectuarase dende o aparcadoiro fronte ó mercado municipal, ás 10.00 horas. Tamén é preciso anotarse cunha contía que se sitúa nos 9 euros.
E no día 8, Sábado de Pascua, a atención concéntrase no patrimonio cun itinerario guiado polo centro histórico da vila, de dificultade baixa. A xornada compleméntase cunha visita á capela da Alba da igrexa de Santiago do Deán. En ámbolos casos, sairase das inmediacións da Casa Mariñeira, ás 11.00 e ás 16.45 horas, respectivamente. Reservarase unha praza por un valor de 3 euros cada actividade.
Máis información e inscricións previas necesarias na oficina do turismo, situada na contorna do parque do Castelo, mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262, 687482835 e 981843280, marcando a extensión 2035.