Os Cafés feministas convidan a conversar sobre igualdade na Pobra
Un encontro de intervención socioeducativa que tenta aborda-la violencia machista a través da formación e sensibilización nun ambiente distendido e con perspectiva de xénero: así nace Cafés feministas, unha iniciativa dirixida a mulleres e homes promovida pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, que se concentrará nos meses de abril e maio.
Ao acto de presentación asistiron a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra); a axente da igualdade, Carolina Rodríguez; e Alba Pérez, educadora social de Exeria, quen guiará os faladoiros e achegará recursos para aplicar nas situacións obxecto de análise.
As sesións comezarán no 15 de abril con As relacións sas e o bo querer para conversar sobre os conceptos existentes en relación co vínculo amoroso e coa dependencia emocional.
No 29 de abril porase o foco en Dependencias e saúde para compartir impresións sobre o enlace entre as relacións de parella e a saúde mental.
E, no 20 de maio, falarase de A importancia do autocoidado coa finalidade de pór sobre a mesa accións que contribúan ao benestar persoal.
As reunións desenvolveranse de 11.30 a 13.30 horas, na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal. Ademais, proporcionarase material sobre os contidos impartidos e un certificado de participación.
As prazas son limitadas, polo cal se require a inscrición previa no teléfono de contacto 981832764, marcando a opción 6, ou no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.