Inicia nesta semana a segunda fase das obras do polideportivo de Venecia
Nos vindeiros días comezará a segunda fase da intervención no polideportivo de Venecia, segundo anuncian o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra). A actuación principal será a substitución da pista. Tralas reunións coas entidades deportivas que fan uso desta instalación, determinouse que a mellor opción era a colocación de pavimento deportivo área-elástico cun acabado en madeira de faia. Tamén se operará nas varandas e a cerrallaría metálica; procederase a pinta-lo interior e mailo exterior; renovarase o corredor inferior da bancada principal; realizarase a pavimentación das bancadas con revestimento elástico para interiores a base de resina epoxi; farase unha reforma dos aseos para favorece-la accesibilidade; colocaranse dúas novas portas exteriores e realizarase a reparación doutras tres; e executarase unha mellora da accesibilidade e iluminación.
Sotega Noroeste resultou se-la empresa adxudicataria por un importe de 229 813’61 euros, cun prazo de execución de cinco meses. O rexedor apunta que estas obras complementan a do cambio da cuberta, executada pola vía de emerxencia no pasado ano, polo cal o investimento total nesta dependencia supera os 450 000 euros. Mestres tanto, trasladarase a actividade dos clubs que fan uso dela ao polideportivo da Tomada e edificios municipais de Ribeira.