A mocidade pobrense festexará a primavera no 21 de abril
Xogos e música integran o cartel da Festa da Primavera que organizan conxuntamente o IES da Pobra do Caramiñal e a Administración local. Á presentación asistiron o concelleiro da Mocidade, José Andrés Lojo; alumnas coordinadoras desta iniciativa; e o director e vicedirectora do centro de estudos pobrense, Alejandro Bobillo e Belén Besada.
Candela Palacios e Aisha Casado, en representación das mozas, debullaron o contido da programación. As actividades concentraranse na tarde-noite do día 21 de abril. A partir das 17.30 horas, a praia dos Areos, nas proximidades do mercado municipal, será o escenario dunha xincana que porá en xogo un total de 600 euros en premios co formato de vales de compra en www.deanshop.es: 300 euros para o primeiro posto, 200 para o segundo e 100 para o terceiro. Para participar requírese unha idade mínima de 12 anos e as inscricións formalizaranse enviando unha mensaxe directa na conta de Instagram @festaprimavera_apobra.
E a vertente musical correrá a cargo de Discomóbil Chocolate, das 22.00 horas en diante, na praza Alcalde Segundo Durán. Seguirase a temática eivisenca e tamén haberá un touro mecánico. Para contribuír a un festexo libre de agresións machistas habilitarase un Punto Violeta cunha profesional que realizará actividades interactivas coas persoas asistentes e repartirase material divulgativo.
Na súa intervención, o concelleiro da Mocidade, José Andrés Lojo, apunta que esta proposta lúdica busca incentiva-lo estudantado para a toma de decisións e a resolución de dificultades, nesta ocasión, a través da organización dun festival. Isto tamén posibilita que coñeza a realidade da xestión económica dun evento destas características e observar de primeira man o funcionamento de distintas áreas da Administración local.
Pola súa parte, o director do IES, Alejandro Bobillo, pon en valor este tipo de proxectos que fomentan a educación en valores cívicos entre o alumnado, ademais de seguir estreitando lazos entre o centro da ensinanza secundaria e o Concello.