A Pobra achega un obradoiro de conciliación no 2 de maio
Por se trata-lo 2 de maio dun día non lectivo, o Concello da Pobra do Caramiñal achega un obradoiro de conciliación dirixido a crianzas da infantil e da primaria.
A concelleira da Igualdade, Charo Varela, xunto coa axente da igualdade, Carolina Rodríguez, indica que se continúa así na liña de favorece-la conciliación.
Coma de costume, este servizo desenvolverase no CEP Salustiano Rey Eiras, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 3 euros por nena/neno, pero aplicaráselle un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.
A maiores, ofrécese a opción dos servizos de Madruga e Comedor, dos cales cómpre consulta-las condicións.
As inscricións débense efectuar antes do día 28 de abril no Departamento da Igualdade, situado fronte á casa consistorial.
Tamén segue operativo o Espazo de Coidados Corresponsables para conciliar polas tardes. Trátase dunha prestación municipal de balde ao abeiro do Plan Corresponsables promovido e financiado con fondos procedentes do Ministerio da Igualdade.
Máis información no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal ou no teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.