Terra e mar fusiónanse na exposición pictórica de Mª José Rodríguez na Pobra
Unha trintena de cadros conforman a mostra pictórica Cores de terra e mar, de Mª José Rodríguez, que acubilla a sala de exposición da Casa Mariñeira da Pobra do Caramiñal.
As paisaxes marítimas e agrarias predominan nesta exhibición que explora distintas técnicas (mixta, acuarela, reciclaxe, acrílico…). Durante a apertura celebrada na tarde do 12 de maio, a propia creadora explicou de onde xurdiron as ideas e como une a súa faceta educativa e artística.
Pola súa parte, a concelleira do Turismo, Charo Varela, apuntou que este tipo de eventos constatan o carácter multifuncional da Casa Mariñeira, pois, ademais de ser oficina de información turística, tamén ofrece unha pequena sala de exposición. E, neste senso, a mostra que agora alberga garda relación co pasado da edificación polo seu vínculo co mar.
Ademais, a edil gabou a prolífica traxectoria da artista, quen non só se dedicou ao proceso de creación referendada con numerosas exposicións individuais e colectivas, así como distincións, senón que tamén se entregou ao ámbito formativo.
As visitas poden efectuarse ata o 30 de xuño, de luns a venres, en horario de 09.30 a 14.30 horas.