O documental Doe O Courel proxectarase na Pobra no 10 de xuño
Xacobe Meléndrez Fassbender é o director dun documental que afonda sobre o grande incendio que arrasou máis de 13 000 hectáreas dunhas das xoias botánicas e paisaxísticas de Galicia en 2022. Nesta peza audiovisual, dúas persoas que o viviron en primeira persoa, Sonia e Óscar, relatan as súas respectivas experiencias e o que sentiron ante esta catástrofe medioambiental.
Agora, Doe O Courel chega ao público pobrense nunha presentación-proxección-debate que terá lugar no sábado 10 de xuño, ás 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.
Trátase dunha actividade que pon o foco nos lumes forestais que asolagan o territorio galego cada ano, segundo explica a concelleira do Medio Ambiente en funcións, Genoveva Hermo; unha realidade da cal a comarca do Barbanza non se ve excluída. A edil fai fincapé na importancia de seguir avanzando cara á prevención a través da sensibilización e o debate social.
Se ben está aberta á cidadanía en xeral, o público destinatario específico son as comunidades de montes, propietarias de terreos, habitantes de núcleos pegados a masas forestais, a Protección Civil, axentes forestais, brigadistas do lumes, a Policía local, a Administración local e as persoas usuarias do monte.
O acceso é libre ata completa-la cabida da instalación municipal.