Amplíase a permanencia da exposición Ser Arte na casa da cultura pobrense
A exposición Ser Arte, de Mar Bascoy e Marian Briones, permanecerá na casa da cultura Raquel Fernández Soler ata finais de mes.
A concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo, explica que, se ben estaba previsto que a súa estadía rematase a mediados deste mes, decidiuse amplia-la súa duración para que veciñanza e visitantes poidan seguir desfrutando destas creacións feitas por mulleres que lles renden tributo ás mulleres.
A través de distintas técnicas como o debuxo, a pintura ou a colaxe, ámbalas artistas mergúllanse nunha autoexploración e elixen vivir en conexión coa súa parte máis intuitiva e espontánea.
Na súa obra, Marian Briones ten a mirada posta na emancipación do espírito feminino, polo cal indaga nos sendeiros de liberación para a muller. Para ela, o corpo, a carne, é a porta de entrada ao abismo da grandeza e á expresión da creatividade.
Doutra banda, para Mar Bascoy esta representa a súa primeira exposición, se ben conta cun longo camiño artístico. Aquí ten como eixe a figura feminina, polo cal as súas creacións consolidan unha homenaxe á muller.
O público pode visitar esta mostra ata o día 31 de agosto, de luns a venres, en horario de 10.30 a 13.30 e de 19.00 a 21.00 horas.