A LXII Milla Urbana Nocturna da Pobra realizarase no 15 de setembro
Unha das citas deportivas máis agardadas na Pobra do Caramiñal terá lugar no 15 de setembro. Trátase da LXII Milla Urbana Nocturna, que abrangue das modalidades sub–6 ata a máster e para a cal se estima unha participación de preto de 300 persoas. As saídas efectuaranse a partir das 22.00 horas fronte ós Xardíns de Valle-Inclán, lugar en que tamén rematará o evento preto da medianoite.
O concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, incide na importancia desta proba para a localidade e a particularidade que presenta, por se desenvolver durante a noite. Na súa intervención quixo tamén agradece-lo traballo da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, por se tratar do outro organismo promotor xunto co Concello, ademais da colaboración da Protección Civil.
Doutra banda, a técnica municipal dos Deportes, Ana Romero, apunta que se lles entregarán trofeos ás/ós tres primeiras/os clasificadas/os por categoría e medallas ás persoas que compitan na sub-6 e sub-8. Outorgaránselles tamén premios económicos ós tres mellores tempos das distintas carreiras: 150 euros ó primeiro posto, 100 ó segundo e 50 ó terceiro.
Xa está aberto o prazo das inscricións, trámite que se debe efectuar no Departamento dos Deportes, situado na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, en horario de 09.30 a 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981831545 e 619229946.