O teatro musical incorpórase á oferta formativa cultural da Pobra para o curso 2023-2024
Nos vindeiros días toca despedirse do verán e darlle a benvida a unha tempada que, debido ás súas propias características meteorolóxicas, convida a realizar actividades ao abrigo. Para seguir a potencia-la creatividade e a expresión artística da veciñanza, a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal presenta a oferta formativa para o outono, o inverno e a primavera, que se estrutura en pintura, baile e música, á cal se lle incorpora o teatro musical no curso 2023-2024.
“A maiores da axenda que lanzamos para estes meses, ben sexa o propio Concello ou en colaboración co tecido asociativo, apostamos por involucra–la sociedade dende outra perspectiva: que non asuma unicamente o papel de público nos espectáculos, senón que tamén se converta en axente dinamizador. Por todo isto, decidimos incorporarlle as clases de teatro musical ao programa cultural habitual e ofrecer así novas disciplinas para explorar”, detallou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, acompañada de parte do profesorado: Loida Fernández e Tania Fuegho polo teatro musical, Brais Betanzos pola escola de música e Aida López pola pintura.
Todas estas sesións comezarán en outubro e o prazo de matrícula xa está aberto, agás para a música, que se fará efectivo no 20 de setembro.
O teatro musical será aos mércores, de 19.00 a 20.00 horas, a cargo de Loida Fernández, na interpretación, e Tania Fuegho, no canto e baile; ámbalas dúas son integrantes de Mimarte. Haberá para alumnado infantil, xuvenil e adulto. As inscricións realizaranse no teléfono de contacto 672661789 ou no enderezo electrónico infomusicateatro@gmail.com.
A introdución ao mundo da arte virá da man dos obradoiros de pintura. Paola García impartirá os talleres dirixidos a persoas adultas aos xoves ou venres, de 10.00 a 12.00 horas, mentres que Aida López se encargará dos do público infantil, aos xoves, en horario de 17.30 a 19.30 horas. Será preciso anotarse a través do Departamento da Cultura, situado na casa da cultura Raquel Fernández Soler, ou no teléfono de contacto 981831545.
Tocará move-lo corpo ao ritmo do baile aos venres con El TomaSON. Para as crianzas será dende as 17.30 ata as 18.30 horas e as persoas adultas teñen á disposición o tramo de 20.00 a 21.00 horas. Habilítase o teléfono de contacto 689569224.
E a Asociación Cultural ESMU A Pobra bota a anda-lo curso coa aprendizaxe musical con numerosos instrumentos e leccións dirixidas dende o público infantil ata os/as adultos/as. Habilítanse as aulas individuais, banda xuvenil, grupos tipo combos e coro moderno. Os horarios dependerán das materias elixidas. Tramitarase a matrícula nos teléfonos de contacto 636342485 ou 616901276.