Manuel Gago une lenda e historia no pregón das festas do Nazareno
A Pobra do Caramiñal despídese da época estival co Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000. A entrada na vila da Banda de Música Municipal de Redondela e o Grupo de Gaitas Xiada e o pregón marcaron o inicio destas celebracións que se estenderán do 15 ao 18 de setembro.
Durante o acto inaugural que tivo lugar dende o balcón da casa consistorial na tarde do venres 15, o alcalde José Carlos Vidal fixo mención ao evidente carácter relixioso destes festexos, pero tamén á importancia dos mesmos dende o punto de vista cultural e histórico. Precisamente, co obxectivo de seguir afondando neste aspecto, elixiuse ao xornalista Manuel Gago como pregoeiro. O rexedor enxalzou toda a súa traxectoria no mundo da comunicación, pero tamén como divulgador. De feito, este veciño é un dos impulsores das xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo que permite escruta-lo o pasado da localidade. Non quixo rematar a súa intervención sen antes agradece-lo traballo da comisión de festas alí representada na figura do seu presidente, José García.
No seu discurso, o pregoeiro referiuse á importancia do Nazareno tamén a nivel persoal. Rememorou a súa infancia escoitando no terceiro domingo do mes de setembro o repique das campás e as alboradas dende a súa casa na contorna do Castelo. Aludiu, ademais, a un dos sinónimos destas datas: a devoción. A expresión “ofrecerse ao Nazareno” que tanto abonda ante unha enfermidade ou unha fonda preocupación. “Se A Pobra fose unha prenda de roupa, ese día, a vila estaría da volta”, apuntou, pois a procesión permite entrever a esperanza de quen asiste á mesma. E, como non podía ser doutro xeito, tamén houbo oco para coñecer máis sobre esta tradición: houbo tempo para a lenda, para o mito, pero tamén para os datos contrastados, algúns dos cales remiten a orixe da procesión das mortallas á época da Revolta Irmandiña e sostén que o culto ao Nazareno se lle incorporou séculos máis tarde.
A súa rúbrica quedou plasmada no libro de honra do Concello.
O ambiente festivo proseguiu durante a noite da man de Disco Móvil Chocolate e DJ Tito Maverick.
Numerosas sesións musicais, o X Encontro de Música e Baile Tradicional e o grande espectáculo de fogos artificiais e acuáticos dende o paseo dos Areos son algúns dos pratos fortes culturais desta axenda, mentres que a dimensión relixiosa estará protagonizada pola procesión votiva das mortallas no domingo 17, con saída dende a igrexa de Santiago do Deán, ás 10.30 horas.