Acometidas tarefas de mantemento na escola unitaria da Granxa
Atendendo as necesidades presentadas polas escolas unitarias da Pobra do Caramiñal, a brigada municipal dos colexios desenvolveu durante o verán unha serie de labores de mantemento e mellora cara ao inicio do curso escolar 2023-2024. Nesta folla de ruta estaba presente A Granxa, que loce xa a aula renovada.
Carlos Abuín, coordinador da brigada dos colexios, explica que a intervención consistiu en pinta-lo interior da aula, na colocación de tarima, na revisión da instalación eléctrica e cambio por luminarias LED, e na revisión da fontanaría, dos baños e dos caleiros.
A estas tarefas hailles que sumar proximamente o cambio das fiestras e da porta para a mellora da eficiencia enerxética da instalación, ademais da substitución do peche perimetral do recinto, por un importe total preto dos 20 000 euros, segundo avanza a concelleira do Ensino, Amparo Cerecedo, quen destaca a importancia do referido equipo creado no anterior mandato para lles dar resposta ás demandas de competencia municipal nos centros educativos.
A dita contía económica enmárcase nos 65 000 euros con cargo ao remanente da Tesouraría para arranxos e actividades lúdicas en centros de ensino, cifra á cal en vindeiras datas se lle engadirán outros 55 000 euros, tal e como anuncia a edil.
Cerecedo tamén indica que pola parte da Concellaría dos Servizos Sociais se convocaron novamente as axudas para a escolarización destinadas a familias en condicións económicas e sociais desfavorables. O orzamento dedicado para estas achegas situouse nos 11 000 euros para contribuír a sufraga-los gastos de adquisición de material escolar e os gastos de comedor, do cal se benefician 30 crianzas.