O Concello da Pobra inviste preto de 140 000 euros nunha actuación de mellora no núcleo da Mirandela
Varias zonas do núcleo da Mirandela contarán proximamente con servizo de abastecemento de auga, recollida de pluviais, saneamento, incremento do alumeamento público e realizarase a reposición ou a aplicación do pavimento nalgunhas vías que eran de terra ata o de agora, ao abeiro do POS+2019. O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal; a concelleira das Obras, Patricia Lojo; e Andrés Fernández, arquitecto técnico do estudo encargado da redacción do proxecto, desprazáronse ata o lugar para comproba-lo avance das obras que se iniciaron na semana pasada e contan cun prazo de execución de catro meses.
Este proxecto é unha mostra da folla de ruta deseñada pola Administración local para dotar de servizos básicos o rural e acondiciona-las vías públicas; un compromiso que se estenderá a outras zonas do municipio, segundo manifestaron tanto o rexedor coma a edil.
A empresa adxudicataria foi Contrucciones Anspal S.L. por un importe de 139 755 euros, IVE incluído.