Alumnado do CPR Divino Maestro e do IES da Pobra asistiu a unha función teatral no Elma
Como antesala do Día Internacional para a Tolerancia, alumnado dos ciclos de Coidados Auxiliares de Enfermaría e Dietética e de primeiro do bacharelato do IES da Pobra do Caramiñal, así como do ciclo da Xestión Administrativa do CPR Divino Maestro, asistiu no 15 de novembro ao Elma como espectadores/as da función Brokeback Sabucedo, de Sal do Teatro. Esta peza aborda a diversidade sexual no ámbito rural galego, tomando a rapa das bestas de Sabucedo como o medio no cal se desenvolve a trama.
A dita actividade está organizada pola Concellaría da Cultura con sesións exclusivas para o público educativo, para, segundo manifesta a edil da Cultura, Patricia Lojo, “emprega-las artes escénicas como vehículo transmisor de distintas realidades e implica-la comunidade educativa nas iniciativas da Administración local.”
A maiores, no día 20, o instituto regresará ao Elma pola función Soños, de Artefeito+Culturactiva+Igaxes, que se centra na situación da mocidade tutelada de xeito integral. A escrita provén do contacto directo do autor, Fernando Epelpe, e da directora, Tamara Canosa, con rapaces e rapazas de vivendas tuteladas, que levan as súas experiencias ao escenario cun contido realista e directo que reflicte algúns dos obstáculos que afrontan no seu día a día. Ademais, o respecto ás distintas culturas é outro dos temas que se vai tratar.