Aberto o prazo de inscrición na Pobra para a Campaña da Neve 2024
A Campaña da Neve 2024 desenvolverase en Valgrande-Pajares (Asturias) e está destinada á rapazada da provincia con idades comprendidas entre os 11 e 15 anos.
Trátase dunha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña coa participación da Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal, que, segundo explica o edil, Eloy Sobrido, busca “fomenta-la práctica de deportes de inverno con cursos de esquí e actividades complementarias.”
A Pobra ten concedidas sete prazas correspondentes coa cuarta quenda, que abrangue do día 2 ao 5 de febreiro.
A solicitude está ao dispor na páxina web www.apobra.gal. Esta deberase entregar debidamente cuberta no rexistro do Concello xunto co resto de documentación requirida. O prazo de presentación remata no 1 de decembro, ás 14.00 horas.
Terán preferencia os/as rapaces/as que non tomasen parte en ningunha campaña da neve previa da institución provincial. No caso de recibir máis solicitudes ca prazas concedidas, farase un sorteo público no salón de plenos do Concello, acto do cal serán avisadas as persoas participantes. Notificaranse as admisións por teléfono para, ademais, indicárlle-la documentación para presentar para confirma-la praza. A cota de participación establécese nos 85 euros, contía que non se debe aboar ata que a Administración local confirme a praza.