O Concello da Pobra posibilita conciliar pola mañá e pola tarde durante as vacacións do Nadal
Chega o Nadal e, con esta festividade, o primeiro período de vacacións do curso para as/os escolares. Así, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal impulsa un ano máis accións en materia de conciliación para estas datas dirixidas a crianzas da infantil e da primaria.
No acto de presentación, a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, xunto coa axente da igualdade, Carolina Rodríguez, puxo de manifesto que este é un claro exemplo da aposta da Administración local por favorece-la compatibilización da vida persoal e laboral das familias, con dúas propostas ao abeiro do Plan Corresponsables promovido e financiado con fondos procedentes do Ministerio da Igualdade. Contarase con actividades relacionadas con esta época como, por exemplo, a visita de Papá Noel e do paxe real.
O obradoiro de conciliación desenvolverase do día 22 de decembro ao 5 de xaneiro, de 09.00 a 14.00 horas, no CEP Salustiano Rey Eiras. O prezo sitúase nos 30 euros por nena/neno, cun desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e de balde para a/o terceira/o.
Para maiores facilidades, poderase optar tamén aos servizos de Madruga e de Comedor, dos cales cómpre consulta-las condicións.
Ademais, esta prestación en horario de mañá verase reforzada polas tardes co Espazo de Coidados do Nadal, para o cal repite o Salustiano Rey Eiras como epicentro. O período abrangue do día 22 de decembro ao 4 de xaneiro, dende as 16.00 ata as 20.00 horas. Neste caso, é de balde.
Existe un límite de prazas, polo cal se require a inscrición previa no Departamento da Igualdade, situado fronte á casa consistorial. O prazo para se anotar permanecerá aberto ata o día 20 de decembro.
Máis información no teléfono de contacto 981832764, marcando a opción 6, ou no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.