Rumbo a Eurodisney co Concello da Pobra e a empresa Congalsa no marco da campaña do Nadal
Na mañá do 11 de xaneiro efectuouse a entrega do premio á gañadora da viaxe familiar a Eurodisney patrocinada pola empresa Congalsa no marco da campaña do Concello da Pobra do Caramiñal Consegue Caramiñas, Comparte Nadal. A agraciada foi Araceli Rivas, quen poderá desfrutar da experiencia xunto a outras tres persoas. Ao acto asistiron o alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo; a directora das Relacións Externas de Congalsa, Isabel Cañas; e a adxunta á dirección desta área e técnica en compliance da empresa, Irene Souto.
Esta viaxe supón o broche de ouro á referida campaña posta en marcha para incentiva-las compras e dinamiza-lo comercio local durante a época do Nadal. En concreto, puideron participar na iniciativa todas aquelas persoas que subisen ó seu Instagram unha foto diante dun dos photocalls identificados como Recunchos do Nadal e dispostos en diferentes puntos da Pobra do Caramiñal. O único requisito para participar era mencionar xunto á foto, e de forma pública nesta rede social, a conta @caraminhasnapobra.
Para a directora das Relacións Externas da Congalsa, o patrocinio deste premio demostra o apoio da empresa -no marco da súa política de responsabilidade social corporativa- ó seu medio social máis inmediato, promovendo e apoiando diversas iniciativas de carácter social, deportivo e cultural, principalmente. “Unha política que seguiremos a desenvolver en 2024, xa que temos claro que o noso compromiso con toda a comarca do Barbanza vai continuar a ser unha das pedras angulares da nosa gobernanza na área das Relacións Externas”, engadiu Cañas.
Pola súa banda, a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, valorou de maneira moi positiva tanto o desenvolvemento da campaña coma os resultados obtidos. A edil precisou que esta acción arrancou no 3 de decembro no Instagram, acadando en 33 días de funcionamento preto de 3 900 participacións, polo que a cualificou como un “completo éxito no número de participantes.” Tamén fixo fincapé na importancia das dinámicas que xerou co achegamento da xente moza ó comercio local; o investimento de máis de 10 000 euros en distincións en formato de caramiñas, 42 persoas premiadas e unha identificación plena coa vila ao dar a coñecer algo que forma parte da nosa orixe coa utilización do nome Caramiña. Deste xeito, Cerecedo agradeceu á empresa Congalsa a súa implicación na campaña e non descarta darlle continuidade noutras datas.