O amor está no aire durante o mes de febreiro na Pobra
Un concurso de cartas de amor e un sorteo fotográfico do banco do amor son as dúas actividades que lanza o Concello da Pobra do Caramiñal polo día 14 de febreiro, Día dos/das Namorados/as.
Organizados conxuntamente polas concellarías da Cultura e da Mocidade, a edil Patricia Lojo apunta que se artellan actividades pola primeira vez arredor desta data co afán de crear espazos para a cultura no ámbito das letras e motiva-la participación de xente nova na vida cultural local.
O certame epistolar nace como un mecanismo máis para fomenta-la creación e difusión literaria. Os traballos versarán sobre o amor e poderanse dirixir a destinatarios/as reais ou ficticios/as. Haberá dúas categorías: a xuvenil (de 14 a 20 anos), co premio dun Iphone, e a adulta (de 20 anos en diante), que ten como recompensa unha noite nunha casa rural e unha cea para dúas persoas.
As cartas presentaranse de maneira telemática a través do enderezo electrónico concursocartasdeamorpobra@gmail.com entre os días 23 de xaneiro e 7 de febreiro. Na mensaxe deberanse enviar dous documentos: un coa carta e outro cos datos da persoa participante. O xurado, composto por persoas vencelladas á comunicación e á literatura, encargarase de ditaminar que cartas son as gañadoras.
Tamén o parque do Castelo contará cun photocall do amor no cal sacar fotos para tomar parte no sorteo dunha cea para dúas persoas nun restaurante da localidade. Consistirá en sacar instantáneas neste espazo e compartilas no apartado de historias do Instagram mencionando a conta @gobernodapobra e cos cancelos (hashtags) #temoslio e #concellodapobradocaramiñal. Se o perfil non é público, deberase mandar unha captura de pantalla por unha mensaxe directa á conta do Concello. Esta acción oriéntase a maiores de 14 anos e aceptaranse unicamente as imaxes publicadas no 14 de febreiro.
As bases completas pódense consultar na páxina web municipal.