A Casa da Cadea incorpórase ao catálogo de patrimonio público da Pobra
2024 comezou na Pobra do Caramiñal con novidades en materia patrimonial, coa adquisición da casa da cadea por parte da Administración local, por 148 000 euros.
Xa no anterior mandato se aprobara a partida para a compra do inmoble, cuxos trámites concluíron neste ano.
O alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, incide na relevancia que ten a incorporación deste edificio ao catálogo de patrimonio público e reafirma o compromiso do Concello na preservación, recuperación e difusión da riqueza patrimonial da cal goza a localidade, razón pola cal no actual mandato se apostou pola creación desta área. “Hoxe, por fin, podemos anunciar que a casa da cadea xa é propiedade de todo o pobo, de tódolos veciños da Pobra do Caramiñal”, manifesta.
Trátase dunha construción civil de finais do século XVIII que se empregou, como o seu propio nome indica, como cárcere, pero, con anterioridade, foi casa do concello. Actualmente conserva a fachada e conta cunha parcela de 220 metros cadrados.
En canto aos novos usos proxectados, pénsase naqueles de índole cultural que permitan conxuga-la funcionalidade deste espazo e a preservación de parte da identidade do pobo.
Con relación a isto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, explica que se estudarán distintas liñas de financiamento a través das diferentes administracións públicas para a súa rehabilitación e consecuente valorización. “Penso que é un paso histórico”, apunta a edil.