Coidados compartidos, nova acción formativa na Pobra
A Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal e a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (Agadea) achéganlle á cidadanía un novo curso de balde, que conta co financiamento da Federación Alzhéimer Galicia. Coidados compartidos é o nome desta acción dirixida a persoas coidadoras, tanto familiares coma profesionais, co obxectivo de formar e informar sobre o alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, así como servizos e recursos que contribúan a mellora-la calidade de vida de quen coida.
O curso impartirase nos días 14 e 15 de marzo, no horario das 10.00 ás 14.00 horas, na Casa da Mocidade, a cargo de Alba Iglesias, psicóloga da Agadea, quen asistiu ao acto de presentación coa concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a coordinadora da entidade para a zona do Barbanza, Lucía Fandiño.
“É importante atende-la veciñanza con algún tipo de demencia neurodexenerativa, pero tamén coida-los seus coidadores. De feito, non é a primeira vez que traemos formación destas características”, apunta a edil.
No que respecta ao contido, abordaranse distintos conceptos, síntomas cognitivos e non cognitivos, terapias non farmacolóxicas, comunicación e autocoidado.
As inscricións formalizaranse de maneira presencial no local dos Servizos Sociais, no Servizo de Orientación Laboral do Concello ou mediante o teléfono de contacto da AGADEA: 672705053. Existe un límite de prazas.