Sorteo de 50 lotes de agasallos entre o alumnado da primaria da Pobra polo xogo-concurso As Sete Rosalías
Pola cuarta edición do xogo-concurso As Sete Rosalías sorteouse 50 lotes de agasallos, no total, entre a rapazada acertante dos CEP Pilar Maestú Sierra e Salustiano Rey Eiras; recompensas que consistiron en cadansúa botella térmica e un xogo de mesa, ambos serigrafados.
Un ano máis, apostouse novamente por esta actividade por ocasión do Día de Rosalía de Castro, que se conmemora no 23 de febreiro, “dado que constatamos que segue espertando interese entre as crianzas cando se achega esta data, polo cal empregamos este pasatempo como un método para que se familiaricen coa figura da intelectual galega mentres xogan e percorren a nosa vila na busca das sete versións distintas polos escaparates dunha trintena de establecementos colaboradores. Quero agradecer, polo tanto, a implicación da comunidade educativa e do tecido comercial”, nas palabras da concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo.
A dinámica foi a habitual de anteriores convocatorias: locais do municipio expuxeron siluetas co rostro de Rosalía; sete delas, customizadas. Tras realiza-lo achado, a rapazada debía anotar esas diferenzas e o lugar onde se atopaban. Logo de superado o reto, os documentos debidamente cubertos debían ser depositados nos colexios xa mencionados.