A atención deportiva concentrarase na paisaxe de montaña no mes de maio co XI Trail Serra do Barbanza
O deporte continúa presente no calendario municipal de actividades do mes de maio co XI Trail Serra do Barbanza, que será á súa vez a XI Carreira de Montaña Concello da Pobra do Caramiñal, organizado polo Concello, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo (FGA).
A proba disputarase na mañá do día 12 de maio con tres modalidades: o trail longo, cunha distancia de 27 quilómetros; o medio, que se sitúa nos 17 quilómetros; e o curto, que descende ata os 8 quilómetros. Contarase con 3 puntos de avituallamento no primeiro, 2 no segundo e 1 no terceiro. Establécese o miradoiro da Curotiña como punto de saída e meta.
Nas palabras do concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, “trátase dunha cita que reúne paisaxe e actividade física. Se no mes de abril témo-la mirada posta no mar, co remo, no mes de maio toca concentra-la atención na serra con este trail e a Marcha Popular do Barbanza, entre outras propostas que daremos a coñecer en vindeiras datas. Poderemos seguir desfrutando así do deporte e da nosa contorna natural.”
Estímase que a participación se aproxime aos e ás 300 deportistas, entre as categorías sub-16, sub-18, sénior, absoluta e máster. O prazo de inscrición permanece aberto ata as 23.59 horas do día 8 de maio a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.
A entrega de premios e agasallos efectuarase a partir das 13.45 horas.
Este evento enmárcase na especialidade atlética do trail-running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.