A praia da Lombiña-Cabío recupera a bandeira azul
A Lombiña-Cabío é unha das praias distinguidas coa bandeira azul pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), segundo se anunciou na semana pasada.
Este areal suma un novo recoñecemento trala obtención no pasado ano do SICTED (Sistema Integral de Calidad Turística En Destino) xunto coa oficina do Turismo, o Museo Valle-Inclán e a praia dos Areos; un galardón no cal traballou a Concellaría do Turismo, tal e como apuntou a edil Estefanía Ramos, continuando así coa “estratexia de apostar pola calidade turística no noso concello.”
Por iso, a Administración local decidiu neste 2024 levar a cabo os trámites para acada-la bandeira azul, os cales resultaron frutíferos. “Este distintivo é recoñecido internacionalmente e pon de manifesto que cumprimos cunha serie de condicionantes ambientais e de calidade nos seus servizos e instalacións”, manifestou Ramos, para quen isto é “un aliciente máis para seguir traballando, seguir dando a coñece-la Pobra do Caramiñal e fomentar un turismo respectuoso co medio e coas persoas; un turismo sostible e de calidade.”
Nesta mesma liña tamén se pronunciou o concelleiro da Mocidade, Eloy Sobrido, quen declarou que “no aspecto turístico, A Pobra ten absolutamente de todo, pero si que considerabamos importante recuperar este distintivo. Cremos que é unha praia que cumpre con tódolos requisitos e das máis concorridas, polo cal decidimos da-lo paso.” Sobrido anunciou que o litoral pobrense contará durante os meses de verán con socorristas mediante unha convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego que sairá no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) ao longo desta semana. Cinco contrataranse con fondos propios do Concello no período que vai dende mediados de xuño ata mediados de setembro, ademais doutras contratacións xa supeditadas a subvencións da Xunta de Galicia.
Formarase tamén unha bolsa de emprego para a brigada de obras e servizos municipais que recolle os postos de operarias/os de limpeza viaria e espazos naturais; convocatoria que tamén se publicará no dito boletín en datas próximas.