Detectado un episodio puntual de contaminación microbiolóxica na auga de baño da praia dos Areos
O Concello da Pobra do Caramiñal recomenda a veciñanza e visitantes absterse do baño, temporalmente, na praia dos Areos, por un episodio puntual de contaminación microbiolóxica na auga. Isto é un aviso da situación no areal, pero non significa un peche do mesmo.
No 1 de xullo, a Consellería da Sanidade procedeu cunha toma de mostras no litoral da zona urbana da Pobra dentro do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia 2021-2025. Son probas rutineiras que se realizan entre os meses de maio e setembro para coñece-la evolución da calidade das augas para o obrigado cumprimento da normativa europea.
A Administración local recibiu a comunicación dos resultados da analítica ás 09.23 horas deste 4 de xullo, polo que a Concellaría do Medio Ambiente procedeu coa colocación de carteis informativos nas inmediacións da praia afectada, ás 10.00 horas.
Este exame volverá repetirse en vindeiras datas, polo cal se agarda aos datos que reflicta esta contraanálise.
En canto se dispoña de nova información, comunicaráselle á cidadanía.