O Carme do Castelo marca o inicio do período de festas de verán na Pobra do Caramiñal
Do 19 ao 21 de xullo A Pobra do Caramiñal estará inmersa na celebración do Carme do Castelo: a primeira das principais tres festas do verán da localidade.
Organizada conxuntamente pola comisión de festas do Carme do Castelo e o Concello da Pobra do Caramiñal, o cartel está protagonizado, en boa medida, polo folclore galego. Conxugaranse, así, a vertente cultural, lúdica e relixiosa.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, remarca que “imos desfrutar dunha axenda plural que destaca pola forte presenza da música e o baile tradicional. Ofértanse así unha serie de actividades acordes ao estilo propio destes festexos.”
Vinte e unha bombas de palenque anunciarán ás 12.00 horas do venres 19 o inicio dunha intensa fin de semana. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, tocará asistir na Covecha á sardiñada e foliada para, ás 22.30 horas, desprazarse ata o adro da igrexa do Castelo para desfrutar de Barahúnda.
O sábado 20 espertará, novamente, con bombas de palenque, ás 10.00 horas. A música encherá cada recuncho do municipio coas alboradas polas parroquias cos grupos Os Caraveiros, Arrancadeira, Xiada e Arghalleiros e pasarrúas a cargo da Banda de Música A Lira de Ribadavia, a partir das 10.30 horas todos eles. Cara ao mediodía, Arrancadeira levará a música e o baile tradicional ás prazas da vila, ás 12.30 horas, e a Banda de Música A Lira de Ribadavia ofrecerá dúas sesións nos Xardíns de Valle-Inclán: ás 13.00 e ás 21.00 horas. A noite estará protagonizada polo VIII Festival Folk con Treixadura, Rianxeiras da Covecha e A Requinta da Laxeira. O epicentro será a praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 22.30 horas.
A localidade despedirase destes festexos no domingo 21. As bombas de palenque e as alboradas soarán dende ben cedo, ás 10.00 horas. Arrancadeira, Os Caraveiros, Xiada, Arghalleiros, Trécola e Pequenos do Barbansa levarán o ritmo ás parroquias nesta derradeira xornada. E a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra será quen asuma o pasarrúas, ademais de dar un concerto, ás 13.00 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán. Pero este día non destaca só pola compoñente musical, senón tamén pola relixiosa, coa misa solemne e a procesión marítima na honra da Virxe do Carme, ás 19.00 horas. A cerimonia oficiarase na igrexa parroquial de Santiago da Pobra do Deán, cantada polo coro parroquial, para despois saí-la imaxe nunha travesía polas augas da ría da Arousa co acompañamento de Xiada, Arrancadeira e a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra. Porase á disposición tres catamaráns e farase a ofrenda floral por tódalas persoas falecidas no mar. O ritmo da noite virá marcado, primeiro, pola Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, no Cantón da Leña, ás 22.00 horas, para lle dar paso, ás 23.00 horas, ao concerto de Leite con Jalletas e á sesión DJ de Tito Maverick, na praza Alcalde Segundo Durán.
A novena celebrarase no referido templo ata o día 20 de xullo, ás 19.30 horas.