O poemario Oídos de espeleóloga, de Ciro Briones, preséntaselle ao público pobrense
Ciro Briones presentará na Pobra do Caramiñal un novo libro, o segundo no que vai de 2024. Se no mes de abril achegou o ensaio Da caverna á acrópole. Un camiño cara á educación pública, agora é o momento do poemario Oídos de espeleóloga. Será no venres, 20 de setembro, ás 20.00 horas, no auditorio da biblioteca municipal Victoriano García Martí (na antiga aula de estudo).
Distinguido co XXVI Premio de Poesía Concello de Carral, este poemario explora espazos de desolación e afonda na reflexión metafísica.
O acto chega arroupado pola Concellaría da Cultura, a Asociación Cultural Barbantia, Espiral Maior Edicións, La Voz de Galicia e Ler Librerías.
Intervirán, ademais do propio autor, o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal; a vicepresidenta da A. C. Barbantia, Isabel Santos; Ana Fernández Soneira, da UVigo; e Miguel Anxo Fernán Vello, pola parte de Espiral Maior.
A entrada é libre ata completa-la cabida da dita instalación municipal.