O Castro da Croa xa é propiedade do conxunto da cidadanía pobrense
Como xa se avanzara na sétima edición das xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo, o Concello formalizou xa a compra do Castro da Croa. O alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, deu a coñecer hoxe tódolos detalles sobre a adquisición desta propiedade por un importe de 68.195 euros. “Podemos dicir que este ben patrimonial xa é da veciñanza pobrense”, remarca o rexedor.
Vidal explica que o seguinte paso a tomar é traballar sobre o terreo, primeiramente, con técnicas non invasivas. “Hai interesantes proxectos científicos que se están desenvolvendo en toda Galicia arredor da Idade do Ferro. Queremos inserir este xacemento arqueolóxico dentro dunha investigación sobre a morfoloxía e estrutura dos castros no territorio galego. Cun xeorradar obteremos un retrato do que se agocha baixo a superficie deste predio aínda sen explorar. En función dos resultados que, agardo sexan prometedores, a nosa vontade é emprender unha campaña de escavacións que saquen á luz os segredos que agocha este lugar.”
Segundo apunta o mandatario local, “somos un goberno municipal que actúa en consecuencia aos compromisos adquiridos e, en materia patrimonial, xa se constata unha clara evolución. Comezamos o ano materializando a compra da Casa da Cadea, continuamos coa prospección arqueolóxica na Corte do Santo e a posta en marcha da sétima convocatoria das xornadas de divulgación histórica e patrimonial, ademais de progresar noutras iniciativas.”
A superficie desta parcela é de 8.804 metros cadrados, situada nunha zona elevada da parroquia de Santo Isidro de Posmarcos como se dun miradoiro natural se tratase preto do río Lérez.