A Pobra acolle actividades formativas audiovisuais coa Asociación Cultural Alberto Romero
O auditorio da biblioteca municipal da Pobra do Caramiñal albergará dúas actividades formativas audiovisuais dirixidas á rapazada de entre 7 e 18 anos que imparte a Asociación Cultural Alberto Romero.
O obradoiro de guión e interpretación terá lugar nos sábados 19 e 26 de outubro, mentres que o taller para a creación propia de películas chega nos sábados 16 e 23 de novembro. O horario é das 12.00 ás 13.30 horas.
Máis información e reservas no enderezo electrónico info@albertoromero.org ou no teléfono de contacto 981107906.
A Concellaría da Cultura colabora con esta iniciativa co afán de “introduci-la rapazada no mundo audiovisual, non só aparecendo diante das cámaras, senón tamén aprendendo sobre todo o proceso creativo e técnico que hai detrás da creación dunha peza. Este tipo de accións potencian a súa imaxinación ao tempo que aprenden sobre unha forma de expresión artística contemporánea e de comunicación”, explica a edil Patricia Lojo.
O prazo de inscrición para participar no IX Certame de Curtas Alberto Romero permanece aberto ata o día 28 de febreiro de 2025. Establécense as categorías escolares, diversidade funcional, Barbanza Arousa e libre, que repartirá 1800 euros en premios no total. Bases completas en www.albertoromero.org.