O público pobrense terá ocasión de coñece-lo poemario Cadernos da desmemoria no 8 de novembro
Manuel Teira non só esculpe figuras en rocha e cores sobre distintos soportes, tamén grava palabras sobre o papel. O artista presenta o seu poemario Cadernos da desmemoria no venres 8, ás 20.30 horas, no teatro cine Elma.
Uns 50 poemas compoñen esta obra que aborda temas como a nostalxia, o desarraigamento, a perda, a busca do eu, o labirinto… Todo cargado dunha forte melancolía para reflexionar sobre a vida e a existencia. Un exemplo de poesía introspectiva cargada de experiencias persoais.
O acto chega arroupado por varias entidades, entre elas, a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal.
Intervirán, ademais do propio autor, o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal; a vicepresidenta da A. C. Barbantia, Isabel Santos; o vogal desta entidade, Manuel Cartea; e a poeta Marta Pedrosa.
A entrada é libre ata completa-la cabida.