A Pobra reivindica a importancia de avanzar cara a igualdade no Día Internacional da Muller
Xornada de celebración e reivindicación. A Pobra do Caramiñal conmemorou o 8 de marzo cunha batucada feminista que comezou pasadas as 19.00 horas na praza Alcalde Segundo Durán. Axé Bahía Batucada marcou o ritmo da marcha polas rúas do núcleo urbano ata concluír na casa consistorial, lugar no que a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), deu lectura ao manifesto promovido pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Tal e como se recolle na declaración institucional, “foron moitos os avances conseguidos, pero persisten as desigualdades, a discriminación e a violencia cara ás mulleres polo feito de séreno, e ante este feito non hai espazo para as equidistancias e non se entende sermos neutrais.” A isto engádese que “as violencias de xénero constitúen a cara máis escura da desigualdade. Dende o ámbito local debemos seguir co compromiso de construírmos unha sociedade igualitaria, que garanta os dereitos de tódalas persoas, así como a participación activa na vida local.”
A programación impulsada pola Administración local con motivo do Día Internacional da Muller baixo o lema “Avanzando cara á igualdade!” esténdese a todo o mes de marzo. No día 10 porase o foco nas mulleres directivas de empresas vencelladas co mar a través dunha mesa coloquio na que participarán a directora das relacións externas de Congalsa, Isabel Cañas, e a directora das relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo. Transcorrerá no Auditorio do Museo Valle-Inclán, a partir das 19.30 horas, e contará coa xornalista Aida Pena como moderadora.
Na xornada do 17, en horario de mañá, estudantado do IES pobrense emprenderá unha andaina ó abeiro do proxecto Mulleres fronte á emerxencia climática, que analiza a relación entre o xénero e o cambio climático, en busca de alternativas para construír sociedades máis xustas e igualitarias.
A dita proposta estará aberta ao público xeral no día 19, co CEP Salustiano Rey Eiras como punto de encontro, ás 12.00 horas.
Os centros educativos da infantil iniciaron xa o Contacontos pola igualdade, que se desenvolve nos venres deste mes. As sesións consisten na lectura do relato O meniño Nito: Entón, os homes choran ou non? e un obradoiro que pretende que as crianzas reflexionen sobre os estereotipos de xénero a través de contidos adaptados ó seu rango de idade.
Tamén o alumnado da primaria esta inmerso ao longo de todo marzo na actividade Avanzando cara á igualdade para reflexionar e tomar conciencia sobre o papel das mulleres na sociedade.
E ata o 30 de marzo permanece aberto o prazo de presentación de microrrelatos á segunda edición do concurso literario Igualdade, conta comigo!, que repartirá 600 euros en premios. O certame está dirixido á poboación adolescente e adulta para impulsar un exercicio de reflexión, sensibilización e difusión.