O centro de día pobrense conmemorou o 8-M a través do testemuño de varias das súas usuarias
Vicenta Pardavila, Maruja Fernández, Carmen García, Aurora González e Antonia Romero son as protagonistas dun vídeo promovido polo centro de día da Pobra do Caramiñal para conmemora-lo 8 de marzo. A peza audiovisual recolle o testemuño de cinco usuarias que relatan a súa traxectoria profesional en distintos sectores: industria conserveira, alimentación, hostalaría, drogaría e emprego no fogar.
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG); e a axente de igualdade, Carolina Rodríguez, asistiron á proxección da gravación que foi presentada por María Noal, outra das usuarias.
Trátase dunha iniciativa ao abeiro do Día Internacional da Muller que xorde, nas palabras da directora da instalación, Fátima Sendón, para pór en valor e visibiliza-las distintas profesións exercidas polas usuarias: “Cada unha traballou como puido e no que puido para sacar adiante as súas familias.” A este respecto tamén se pronunciou a edil, quen cualificou o vídeo de “enriquecedor” ao reflectir fidedignamente os diversos oficios exercidos polas mulleres da localidade. Tamén tivo palabras de louvanza o rexedor, quen destacou os avances que se están a conseguir en materia de igualdade e a presenza feminina en cada vez máis profesións.
No acto tamén houbo un intercambio de agasallos. O centro de día, da man de Moncha Ramos, obsequiou o Concello cunhas caixas de madeira decoradas con temática propia da xornada, mentres que a Administración local fixo entrega de plantas como símbolo de que as/os nosas/nosos maiores son a semente da cal nace a sociedade e que hai que seguir coidando.