O Campus Itinerante IV Ciclo achega formación á veciñanza maior de 50 anos de Barbanza Arousa
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) incrementa a oferta formativa para as persoas maiores de 50 anos nos concellos que conforman Barbanza Arousa. Se na Pobra do Caramiñal xa está a piques de botar a andar a sexta edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia, agora tamén se desenvolverá o Campus Itinerante IV Ciclo.
Este programa consta de seis xornadas repartidas entre os catro municipios e focalizarase en distintos aspectos da saúde, polo que tamén se dirixe a profesionais de atención ás persoas maiores. Os simposios desenvolveranse ao longo dos meses de marzo, abril e maio, todos eles ás 18.00 horas.
Co obxectivo de fomenta-la mobilidade, porase un autobús a disposición de quen o solicite. De ser así, resulta preciso inscribirse con 3 días de antelación ao primeiro dos cursos aos que se desexe asistir. Se non se opta por este recurso, basta con anotarse o día antes.
Para participar en calquera das conferencias, a veciñanza pobrense deberá efectua-lo trámite de xeito presencial no Museo Valle-Inclán, no teléfono de contacto 981831662 ou no enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal. A matrícula é de balde.