Fulano, Mengano e Citano inaugura o ciclo teatral do mes de novembro na Pobra
Catro funcións integran o ciclo teatral do mes de novembro que organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A edil Patricia Lojo explica que no domingo 5 se inaugura “unha nova edición que pon en valor as artes escénicas ao tempo que seguimos apostando pola dinamización cultural con actividades acordes coas condicións meteorolóxicas propias da época do outono e do inverno.” Tamén fai fincapé na boa acollida desta mostra “ano tras ano” por parte do público.
Fulano, Mengano e Citano representará sobre as táboas do Elma, ás 19.00 horas, a función O que hai que ver; unha montaxe retranqueira que fará rir do propio e do alleo. Trátase dunha comedia que lle subministrará alegría ao público e convidará a pensar, pero cun sorriso. Humor, historias sorprendentes, teatro sen trucos e canción ao vivo son os ingredientes principais.
A entrada é libre ata completa-la cabida.