A camelia captará as miradas nunha mostra na Casa Mariñeira pobrense
Coincidindo coa época da Semana Santa, o Concello da Pobra do Caramiñal impulsa unha nova proposta lúdica para o desfrute de veciñanza e visitantes.
As diferentes variedades de camelia centrarán unha mostra que acubillará a sala de exposicións da Casa Mariñeira, situada nas inmediacións do parque do Castelo. Concentrarase no 6 e 7 de abril, pois amosaranse flores frescas. O horario de visitas será dende as 10.00 ata as 14.30 horas e de 17.30 a 19.30 horas.
José Ramón Teixeira e Marisol Cameán son as persoas artífices desta exhibición que xorde froito da súa paixón por leva-las flores da súa horta a distintos recunchos de Galicia e Portugal, se ben no caso da Pobra tamén se contará con especies que achegan amizades afeccionadas da contorna.
A inauguración realizarase no xoves 6, ás 17.00 horas, e contará coas intervencións da concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), ademais das propias persoas promotoras.
O obxectivo é darlle a coñece-la beleza e diversidade da camelia a todo o público, ademais de asenta-la experiencia no calendario de actividades para cada ano ir medrando en número de participantes.
O acceso é libre ata completa-la cabida da instalación municipal.