A veciñanza maior da Pobra poderá participar nunha nova edición do programa de envellecemento activo
Un ano máis, o Centro Sociocomunitario e de Benestar da Pobra do Caramiñal albergará unha nova edición do programa de envellecemento activo cos obxectivos de contribuír a que a veciñanza maior viva no seu medio o máximo posible, que se poida valer por si mesma nas actividades cotiás e siga formando parte activa da sociedade.
A iniciativa divídese en dous semestres. No primeiro, a musicoterapia transcorrerá aos mércores dende o día 12 de abril ao 1 de xuño, en dúas quendas: de 17.30 a 18.45 horas e de 18.45 a 20.00 horas, da man de Ignacio Crespo, mentres que o envellecemento activo se desenvolverá aos venres do día 14 de abril ao 2 de xuño, en horario de 18.00 a 19.30 horas, a cargo de persoas voluntarias da Cruz Vermella. Xa no segundo semestre, a musicoterapia impartirase do día 4 de outubro ao 13 de decembro, e o envellecemento activo terá lugar dende o día 6 de outubro ao 24 de novembro. Haberá unha parada estival nos meses de xullo e agosto.
O director do centro, Ricardo Lago, incide na importancia do programa deseñado para potencia-la estimulación cognitiva, hábitos de vida saudables, autonomía e benestar persoal. Preténdese así “evitar ou atrasar na medida do posible signos de deterioración física ou cognitiva”, apunta.
A este respecto, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), destaca a participación elevada nas anteriores convocatorias e informa do apoio da Administración local aos proxectos que melloran a calidade de vida da cidadanía. Tamén indica que os bloques temáticos responden as peticións efectuadas polas persoas asistentes en anteriores ocasións, polo cal resultará moi dinámico.
Ofértanse un total de 30 prazas e a matrícula poderase formalizar a partir deste 31 de marzo nas propias instalacións do Centro Sociocomunitario e de Benestar.