A actividade Tardes de baile prosegue na Pobra no 16 de abril
Nova cita co baile no 16 de abril. O Centro Sociocomunitario e de Benestar da Pobra do Caramiñal albergará a segunda sesión da actividade Tardes de baile, que se desenvolve con diferentes opcións musicais no segundo domingo de cada mes ata xuño, de 20.00 a 22.30 horas. En canto ao presente mes, por coincidir coa Semana Santa, trasládase ao día xa indicado.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), manifesta que esta iniciativa xorde para lle dar resposta á demanda das persoas asistentes ao programa de envellecemento activo. Se ben está inicialmente dirixida a persoas maiores, aspira tamén a converterse nun punto de encontro interxeracional de toda a comarca ao tempo que se contribúe a dinamiza-la vila aos domingos. E, en función da resposta da xente durante este período, valorarase a súa ampliación ata finais de ano, pois o baile ten numerosos beneficios que redundan positivamente na memoria, o estado físico, a autoestima ou as relacións sociais, tal e como enumera o director do referido centro, Ricardo Lago.
Non se require a inscrición previa.