O Campus Itinerante IV Ciclo chega á Pobra con dúas sesións formativas
Os municipios que forman Barbanza Arousa acollen un programa formativo dirixido á veciñanza que supera os 50 anos e a profesionais de atención ás persoas maiores: o Campus Itinerante IV Ciclo. Así, A Pobra do Caramiñal é parada nestes días de dúas sesións deste, da man da Universidade de Santiago de Compostela (USC); oferta intensificada cunha nova edición do Camiños de Coñecemento e Experiencia no mes de marzo.
Un total de 37 persoas asistiu na tarde do día 11 de abril ao Auditorio do Museo Valle-Inclán para aprender con Fernando Lino Vázquez González sobre Depresión. E Jesús Giráldez Fernández impartirá no día 14 o coloquio Para garantir a integración protexe a túa vista e os teus ollos.
As inscricións continúan abertas para este último. O trámite pódese efectuar de xeito presencial no Museo Valle-Inclán, no teléfono de contacto 981831662 ou no enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal. A matrícula é de balde.
O dito programa consta dun total de seis xornadas sobre saúde repartidas entre os catro concellos da banda norte da ría da Arousa durante os meses de marzo, abril e maio, todas elas ás 18.00 horas.