O Maio das Letras Galegas despídese na Pobra cuns obradoiros de maios e un festival
A Pobra do Caramiñal despide a programación do Maio das Letras Galegas de 2023 nesta fin de semana tras dúas intensas semanas de actividades. Segundo explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, esta axenda fai especial fincapé nas novas xeracións e o tecido asociativo adquire un rol significativo. Isto constátase, por exemplo, co “Ronsel de verbena” que tivo lugar no propio 17 de maio, Día das Letras Galegas, dedicado neste ano a Francisco Fernández del Riego.
As prazas do núcleo urbano convertéronse nun fervedoiro cultural durante gran parte da mañá e ata logo de chega-la hora do xantar, cun percorrido guiado, escenas costumistas, música, bailes, cantos e desfile de traxes tradicionais; un labor que foi posible coa implicación de Caramiñas, Eiradela, Arrancadeira, Xiada, Ruadiña e do Museo Valle-Inclán.
E as asociacións seguirán xogando un papel fundamental neste programa deseñado pola Administración local para a posta en valor da nosa lingua e das nosas letras. Deste xeito, Arrancadeira achegará uns obradoiros de maios no día 19. O etnógrafo e folclorista Carlos Rey Cebral encargarase de imparti-la parte teórica, na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal, para afondar máis sobre esta tradición. A formación comezará ás 19.00 horas, se ben xa se estará preparando todo arredor das 18.30 horas. Posteriormente, a práctica desenvolverase no Cantón da Leña coa confección de catro maios para decorar este lugar, así como a praza de Maura, a praza de Rosalía de Castro e os Xardíns de Valle-Inclán.
O colofón virá co festival Bailando ás flores no día 20, que incide na divulgación da nosa música e baile tradicional. Trátase dun espectáculo itinerante que comezará ás 19.30 horas polos espazos xa mencionados e que, ademais da actuación de Arrancadeira, contará coa participación de Xiada, Ruadiña, Abeloura e A Pinguela de Bama.