A BRILAT e o TERNOR visitan o Museo Valle-Inclán pobrense
O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal recibiu no 13 de xullo a visita dunha delegación composta por membros da Brigada de Infantería Ligera Aerotransportable (BRILAT) e do Tercio del Norte (TERNOR) para coñece-los fondos desta institución e aprender máis sobre a figura e obra de Ramón del Valle-Inclán.
Entre os partícipes estaban o tenente coronel, Miguel Ángel Vázquez, e o suboficial maior, Manuel Liste, acompañados tamén por José Manuel Fernández, capitán da base náutica Palmira Scuba Club e que exerce como anfitrión durante a estadía na localidade.
Guiados polas explicacións do director do Museo, Antonio González, percorreron tódalas salas que integran a Torre de Bermúdez e houbo intercambio de agasallos: a Administración local fixo entrega dun libro que recolle información deste singular edificio e recibiu por parte dos referidos corpos exemplares que repasan a historia dos mesmos.
As salas que espertaron maior interese foron a Bradomín e Viana del Prior, onde se concentra boa mostra do mobiliario orixinal e dos obxectos persoais do escritor.