O Sons da Vila volve anima-las terrazas da Pobra
Bo tempo, música, ambiente distendido… Esta será a tónica xeral ao abeiro do Sons da Vila, que levará ás terrazas da Pobra do Caramiñal unha ducia de concertos dende xullo a setembro. A concelleira Patricia Lojo, acompañada do representante da produtora Silencio Roto, Ricardo Boo, relata que con esta nova convocatoria se busca seguir na senda de incrementa-la oferta cultural para o verán, servir de escaparate a grupos locais e dinamiza-las contornas das terrazas dos establecementos hostaleiros.
O mes de xullo contará coas actuacións de Rockolas (día 20, Xardíns de Valle-Inclán), D Crooners (día 21, praza de Maura) e Adolfo FH (día 26, Xardíns de Valle-Inclán).
O ritmo chegará no mes de agosto con Mar Davila (día 2, Xardíns de Valle-Inclán), Calle Bailén (día 3, praza Victoriano García Martí), Leite con Jalletas (día 16, rúa Rafael Calleja), Human (día 17, praza Paulino Santos), Os Bar Ban Sónicos (día 24, Xardíns de Valle-Inclán), Bafana Bafana (día 27, praia da Illa), Loren Tevra & Nando Llon (día 30, paseo dos Areos) e Tobogán (día 31, praza Victoriano García Martí).
E Caras B pechará o cartel no 3 de setembro, na praza de Maura.
Estas sesións musicais comezarán ás 21.00 horas, agás nas xornadas do 3, do 27 e do 30 de agosto (21.30, 20.00 e 13.00 horas, respectivamente); e do 3 de setembro (ás 20.00 horas).