Homenaxe á muller na exposición conxunta de Mar Bascoy e Marian Briones na Pobra
A arte volve á casa da cultura Raquel Fernández Soler da Pobra do Caramiñal cunha nova exposición: Ser Arte, de Mar Bascoy e Marian Briones.
A través de distintas técnicas como o debuxo, a pintura ou a colaxe, ámbalas artistas mergúllanse nunha autoexploración e elixen vivir en conexión coa súa parte máis intuitiva e espontánea.
No acto inaugural realizado na tarde do día 26 de xullo tamén participou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, quen gabou esta exhibición creativa feita por mulleres e que lles rende un tributo ás mulleres.
A obra de Marian Briones ten a mirada posta na emancipación do espírito feminino, polo cal indaga nos sendeiros de liberación para a muller. Para ela, o corpo, a carne, é a porta de entrada ao abismo da grandeza e á expresión da creatividade.
Doutra banda, para Mar Bascoy esta representa a súa primeira exposición, se ben conta cun longo camiño artístico. Aquí ten como eixe a figura feminina, polo cal as súas creacións consolidan unha homenaxe á muller.
As visitas pódense efectuar ata o día 15 de agosto, de luns a venres, en horario de 10.30 a 13.30 e de 19.00 a 21.00 horas.