A Torre de Xunqueiras, última parada dos itinerarios polo patrimonio cultural da Pobra
As visitas comentadas ao patrimonio cultural da Pobra do Caramiñal da man do Museo Valle-Inclán desprazaranse ata a Torre de Xunqueiras para despedir este ciclo de verán. As persoas participantes poderán mergullarse así na historia desta fortaleza medieval, ademais de achegarse ata o cruceiro de capeliña do lugar. Esta nova saída será no día 31 de agosto, ás 12.00 horas, dende o portal de acceso á parcela. A inscrición é de balde e tramitarase nos teléfonos de contacto 981831662 e 681173484 ou no enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal.
Os ditos itinerarios comezaron a finais do mes de xullo e posibilitaron coñecer máis polo miúdo a capela da Alba de Santiago do Deán ata en dúas ocasións (con visita incluída á propia igrexa na segunda sesión), o pazo do Couto, o templo de Santa María a Antiga do Caramiñal e o conxunto histórico de Santa María do Xobre.
A maiores, cada venres, ás 11.00 e 19.00 horas, efectúanse visitas comentadas á torre de Bermúdez para afondar na súa riqueza documental e histórica e, polo tanto, aproximarse á vida e obra de Ramón del Valle-Inclán. Só é preciso anotarse nas canles referidas.