O Concello e a Subdelegación coordinan o dispositivo de seguridade e emerxencias do Nazareno de 2023
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, copresidiron neste 8 de setembro unha xunta local de seguridade con motivo das festas do Nazareno.
O rexedor detallou o amplo dispositivo artellado, principalmente, cara á procesión votiva das mortallas, co obxectivo de que transcorra sen incidentes. Para ese labor, contarase con recursos humanos e materiais.
Disporase do Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) no interior da praza Alcalde Segundo Durán, onde as persoas responsables de distintos corpos coordinarán todo o operativo. Outra das accións é a distribución de videocámaras por todo o itinerario que remitirán as gravacións ao mencionado camión para o control da comitiva.
Refórzase, ademais, a Policía local da Pobra coa de Rianxo e a de Porto do Son, polo cal haberá 19 efectivos. A maiores, estará presente a Garda Civil e unha vintena de persoas voluntarias da Protección Civil procedentes da Pobra, Catoira, Rianxo, Boiro e Ribeira.
Cara á prevención de emerxencias sanitarias, haberá un posto de servizo de urxencias que se compón de catro ambulancias e catro postos médicos avanzados.
En canto ao estacionamento, habilitaranse diferentes zonas do núcleo urbano das cales se dará conta nos vindeiros días.
No que respecta a medidas en materia de igualdade, contarase cun Espazo Violeta para contribuír a uns festexos libres de agresións machistas e haberá repartimento de material divulgativo.
Durante a súa visita ao municipio, a subdelegada apuntou algúns dos investimentos do Goberno central no municipio, durante os últimos anos, por un importe próximo aos 6 millóns de euros, con actuacións destacables como o proxecto de recuperación da Ribeiriña, a mellora da eficiencia enerxética, accións ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero ou a rehabilitación de edificios de titularidade autonómica; concretamente, o instituto.
Na referida xuntanza tamén estiveron presentes a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos; responsables da Garda Civil, da Policía autonómica e da Policía local; a Protección Civil; a Axega; e traballadores/as municipais.